XORNAL USC 16/10/2015

O proxecto LIFE SEACAN ten por obxecto demostrar a aplicación de dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para o tratamento das augas residuais procedentes da actividade industrial conserveira de peixe. Estas tecnoloxías permitirán mellorar a calidade da auga vertida e así minimizar o seu impacto medioambiental no ecosistema mariño.
Iniciado en setembro, o proxecto está coordinado pola aFundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua, Cetaqua, en Compostela, e conta coa participación como socios de Cetaqua, Centro Tecnológico del Agua, en Barcelona, e dúas universidades galegas, a de Santiago e a de Vigo, referentes en investigación neste eido. Colabora ademais a Asociación Nacional de Conservas de Pescado, Anfaco-Cecopesca.
Dada a experiencia da USC na aplicación de tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula noutros sectores industriais e as probas iniciais con correntes da industria conserveira de peixe a pequena escala, o proxecto LIFE SEACAN analizará a viabilidade e eficiencia destes procesos nas Rías Baixas. Trátase dun dos ecosistemas mariños con maior biodiversidade a nivel mundial que convive cunha intensa actividade industrial, onde se concentra o 80% da industria conserveira en España.
A novidade destas tecnoloxías radica na súa economía e sustentabilidade, dado que minimizan o consumo enerxético, a súa pegada de carbono e se obtén unha auga de maior calidade para o seu vertido directo. Desta forma presérvase a biodiversidade do medio natural, esencial para o desenvolvemento da actividade económica da industria conserveira, que no caso de Galicia representa un 2,8% do PIB da súa economía.
O proxecto desenvolverase nos próximos tres anos e medio, ata febreiro de 2019, cun orzamento global de 1,7 millóns de euros, dos que o 60% son achegados pola Comisión Europea a través do Programa LIFE 14.

http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2015_10/noticia_0093.html