A Universidade participa no proxecto Life Seacan, cun orzamento de 1,7 millóns de euros
Baséase na demostración de tecnoloxías de biopelícula, sistemas biolóxicos que depuran a auga eficazmente

UNIVERSIDADE DE VIGO 15/10/2015

As Rías Baixas son un dos ecosistemas mariños con maior biodiversidade a nivel mundial pero tamén convive cunha intensa actividade industrial, xa que nesta zona se concentra o 80% da industria conserveira en España. Neste contexto e coa finalidade de avanzar no tratamento das augas residuais destas empresas de transformación arranca o proxecto europeo Life Seacan, que ten como obxectivo demostrar a aplicación de dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para o tratamento das augas residuais procedentes da actividade industrial conserveira de peixe. Estes tratamento permitirían reducir a contaminación de materia orgánica e nitróxeno producida nos ecosistemas mariños polos vertidos destas industrias. A Universidade de Vigo, xunto coa USC, forman parte desta iniciativa coordinada pola Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga, Cetaqua, en Santiago de Compostela, e na que tamén colaboran o Centro Tecnológico del Agua, Fundación Privada, en Barcelona. O proxecto contará tamén coa colaboración da Asociación Nacional de Conservas de Peixe, Anfaco-Cecopesca.

1,7 millóns de euros para tres anos e medio

O proxecto Life Seacan ten un orzamento de 1,7 millóns de euros, dos cales o 60% son achegados pola Comisión Europea a través do Programa Life14, e un prazo de execución de tres anos e medio, dende setembro deste ano ata febreiro de 2019. Investigadores e expertos das universidades e centros tecnolóxicos e de investigación tratarán de aplicar estas tecnoloxías para mellorar a calidade da auga vertida e, así, minimizar o seu impacto medioambiental no ecosistema mariño. A viabilidade e eficiencia destes procesos testarase nas Rías Baixas, despois de ter realizado xa probas iniciais con correntes da industria conserveira de peixe a pequena escala.

A novidade destas tecnoloxías é a súa economía e sostenibilidade, xa que minimizan o consumo enerxético e a súa pegada de carbono e obtense unha auga de máis calidade para o seu vertido directo. Desta forma, presérvase a biodiversidad do medio natural, esencial para o desenvolvemento da actividade económica da industria conserveira que, no caso de Galicia, representa un 2,8% do PIB da súa economía. Ata agora tense confirmado a eficacia destes procesos de biopelícula en augas residuais de diversa natureza, pero non o teñen aplicado a correntes procedentes das conserveiras de peixe. As probas iniciais a menor escala demostran que se mellora a calidade da auga e se reducen o consumo enerxético e a pegada de carbono, en comparación con tratamentos convencionais.

Vigo ocuparase da avaliación da biodiversidade

O proxecto arrancou este pasado mes de setembro e os socios están inmersos na busca dunha conserveira na zona das Rías Baixas na que poñer en funcionamento o prototipo que testeará as novas tecnoloxías de depuración que nun futuro poderían substituír ás que se están empregando na actualidade. A participación viguesa centrarase na avaliación da biodiversidade do substrato da zona bentónica. Para iso están implicados neste proxecto os profesores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López, así como o investigador Marcos Rubal. Este equipo centrarase en facer un seguimento da biodiversidade da zona de descarga da conserveira antes e despois de comezar o uso das novas tecnoloxías. “Traballamos co substrato brando na zona de desaugue na que se instale o prototipo e comezaremos un mes ou mes e medio antes de que este comece a traballar para ter así datos da biodiversidade co sistema actual e que probaremos”, destaca Souza Troncoso, IP do proxecto na Universidade de Vigo. Recollerán tamén datos nunha zona de control para poder comparar os resultados. O director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla destaca tamén que nos tres anos e medio de duración do proxecto desenvolveranse varios workshops en Vigo, previsiblemente na ECIMAT, para avanzar na investigación e para “dar a coñecer o noso traballo á sociedade”.

http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10440&Itemid=2